Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí. Se continúas navegando, estarás aceptándoa.
Política de cookies +

Información Xeral

Centro Arqueolóxico do Barbanza

O Centro

Atópase situado no Sur da provincia de A Coruña, concretamente na parte máis interior do Norte da Ría de Arousa, nunha pequena península coñecida como a Punta de O Neixón, que administrativamente pertence ao Concello de Boiro, parroquia de S. Vicente de Cespón, no lugar de Nine.

O Centro érguese nas inmediacións do conxunto arqueolóxico formado polos Castros de o Neixón: Castro de Neixón Pequeno e Castro de Neixón Grande. A localización do Centro está determinada, en gran medida, pola gran importancia do enclave arqueolóxico, xa que os Castros de O Neixón son un dos xacementos con maior relevancia do Noroeste peninsular, como o demostran as distintas campañas de investigación arqueolóxica levadas a cabo dende inicios do século XX até a actualidade.

O Centro rematouse de construír no 2002, nun enclave privilexiado, rodeado dunha ampla zona verde destinada a fins recreativos, ideal para o espallamento, ademais conta cun extenso aparcadoiro, e con servizo de cafetería integrado. Está estruturado en tres plantas: soto, planta baixa e primeiro andar; no cal se organiza o seu funcionamento, o dispoñer das características necesarias para cumprir cos seus obxectivos de (1) información, difusión e divulgación do patrimonio arqueolóxico da comarca, (2) apoio á investigación, (3) e como recurso cultural e turístico da comarca.

O Centro Arqueolóxico do Barbanza trata de por en valor, de dar a coñecer a Historia milenaria do Barbanza, xa que conta cunha calidade e variedade temática extraordinaria.

En concreto atende a tres manifestacións culturais que dominan o territorio pola súa magnificencia: o Megalistismo da época Neolítica, a arte rupestre da Idade do Bronce, e a cultura castrexa da Idade do Ferro.

Conta coa infraestrutura necesaria para abordar a ocupación prehistórica e protohistórica da comarca; a través do discurso museográfico do que dispón, traslada ao visitante a finais do V milenio a.C., para facer un percorrido até os inicios do cambio de era, facéndonos comprender, estimular, provocar e reflexionar sobre o pasado. Faise especial fincapé en amosar os restos arqueolóxicos en relación coa sociedade que os orixinou, incidindo naqueles aspectos máis determinantes para poder comprender os cambios acaecidos en tempos pretéritos. Disponse de persoal que permite achegarse, ben co discurso, ben coas distintas maquetas dispoñibles ou recreacións de distintos vestixios arqueolóxicos (cabanas castrexas, petróglifos, cultura material, etc.) a un tempo pasado tentándoo facer intelixíbel o público.

A gran versatilidade do deseño do Centro e o dinamismo da súa xestión permite albergar unha exposición permanente e unha sala de exposición temporal na cal se aborda de forma continua distintas exposicións do ámbito arqueolóxico e cultural, que engrosa, máis se cabe, a finalidade de explicar e promover o coñecemento do pasado, facilitar e incrementar a concienciación do público respecto dos restos arqueolóxicos; e en definitiva contribuír a unha mellor eficacia da posta en valor do patrimonio arqueolóxico.

Localización

Centro Arqueolóxico do Barbanza
Neixón, Nine s/n.
15991 Cespón. Boiro
TEL 981 843 810
FAX 981 843 823
info@centroarqueoloxicodobarbanza.org

Horario de visitas

Horario de inverno 2023/2024 (do 16/09/2023 ao 15/06/2024)

Xoves e venres de 10:00-14:00 h e 16:00-19:00 h. Sábados, domingos e festivos de 11:00-14:00 h e 17:00-20:00 h.

Centro Arqueoloxico do Barbanza

Centro Arqueoloxico do Barbanza

Síguenos nas redes...